Exposición 'Culto e Cultura Xacobea no Barbanza e Sar'
2026-05-14 14:58:22A sala de Exposicións da Hospedería Monasterio San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, acollerá este xoves 14 a inauguración da exposición itinerante “CVLTO E CVLTVRA XACOBEA NO BARBANZA E SAR”, unha mostra de carácter divulgativo centrada no patrimonio histórico e artístico vencellado ao fenómeno xacobeo nos territorios do Barbanza e Sar.
A exposición, promovida pola Asociación Camiño de Santiago A Orixe, pretende ofrecer unha síntese das testemuñas patrimoniais ligadas ao itinerario de peregrinación sobre o que a entidade traballa desde o ano 2017 para a súa rehabilitación e posta en valor. A iniciativa busca destacar a relevancia cultural, histórica e simbólica deste trazado xacobeo, reivindicando o seu papel dentro da tradición peregrina compostelá.
O contido da mostra está comisariado por Antonio González Millán, mentres que a reportaxe fotográfica corre a cargo de Adolfo Enríquez Calo. A través de imaxes, paneis e documentación, o público poderá achegarse a diferentes elementos patrimoniais e culturais relacionados co Camiño de Santiago nestas comarcas galegas.
Segundo destacan dende a organización, a exposición nace tamén coa vontade de promover unha recuperación rigorosa e unha divulgación responsable do patrimonio vinculado ao Camiño, considerado polo Consello de Europa como o Primeiro Itinerario Cultural Europeo desde o 23 de outubro de 1987.
O acto terá lugar este xoves 14 na sala de Exposicións da Hospedería Monasterio San Martín Pinario, situada na Praza da Inmaculada número 3 de Santiago de Compostela. A mostra poderá visitarse durante os meses de maio e outubro de 2026.
